Oficina CEER
 23-11-2009
O III Foro de Emprego da USC abre as súas portas mañá, martes

III Foro de Emprego da USC vaise celebrar a vindeira semana, entre os días 24 e 25 de novembro, na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e o 26 na de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo, organizado pola Vicerreitoría de Comunidade Universitaria e Compromiso Social, a través dos seus Servizos de Apoio ao Emprendemento e ao Emprego (SAEE).

Empresas como Caixa Galicia, Caixanova, Indra, Deloitte, SPR Abogados ou Kiabi daranlle a oportunidade aos universitarios de deixarlles os seus currículos e de coñecer directamente o que estas firmas buscan nos seus candidatos. Concretamente, a empresa Kiabi vai desenvolver unhas dinámicas de grupo dentro do proceso de selección que ten actualmente aberto.

O III Foro de Emprego da USC conta co patrocinio da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e da Deputación da Coruña. Ademais, a Oficina de Promoción Económica do Concello de Santiago e a Fundación ONCE participan como entidades promotoras. Salientar ademais a presenza neste evento do Concello de Lugo, o IGAPE, FEUGA e o INLUDES.

Durante o desenvolvemento do foro, tanto no campus de Santiago como no de Lugo, están programadas diversas conferencias e presentacións de empresas. Todas estas actividades están encamiñadas a proporcionar aos universitarios recursos de utilidade cara á súa incorporación ao mercado laboral.

Para acadar máis información, as persoas interesadas poden dirixirse á Área de Orientación Laboral no teléfono 981 563 100, extensións 12850 / 12851, no enderezo electrónico forodeemprego@usc.es ou na páxina web http://www.forodeempregousc.com/