Oficina CEER
 07-04-2010
ESPIANDO O CEO: O telescopio Meade LX200 instálase no campus para abrir o ceo a toda a sociedade

A partir de agora o ceo terá un pouco menos de intimidade, xa que un novo telescopio apunta cara o manto celeste que nos cobre. Instalado na cúpula do Edificio Politécnico de Ourense, o Meade LX200 de 16 polgadas permitirá “a observación de ceo profundo, galaxias pequenas e de baixa intensidade”, explica o profesor de Física, Humberto Michinel. Tamén servirá para “facer astrofotografía de longa exposición e seguimento de planetas”. Ademais, ao estar sincronizado co movemento da cúpula e conectado cun ordenador con conexión a Internet “poderá ser manexado remotamente”.
Coa chegada do telescopio ao campus poderán organizarse múltiples actividades para achegar a toda a sociedade o ceo nocturno. Polo momento xa están en marcha dous proxectos: un, financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, vai consistir “nunha escola de astronomía, Las Mil y una Luces, que achegará a toda a sociedade as bases da astrofotografía”;e outro, co financiamento do programa DiverCiencia da Xunta de Galicia, “a través do cal se realizarán sesións de observación no campus”.
O conxunto da cúpula e o telescopio supuxo para o campus un desembolso de 22.000 euros e a instalación do Meade levou arredor de dous días, “hai que orientalo correctamente, fixar o pedestal e sincronizalo co movemento da cúpula e facer unhas cantas probas de funcionamento”. Actualmente xa está listo para ser empregado, aínda que haberá que agardar “a que o tempo mellore para poder gozar del”.

Un telescopio como hai poucos.
Cun peso de 144 quilogramos co trípode, unha altura de 2,20 metros e 16 polgadas de apertura, este telescopio catadióptrico “é único na provincia e tan só hai 15 en toda España”. A súa instalación no Edificio Politécnico supón un feito importante tanto para Ourense como para a Universidade, xa que permitira que o campus entre “en redes internacionais de recompilación de datos astronómicos para os que non se empregan os grandes telescopios”, comenta Michinel. Estas redes dedícanse a recoller sistematicamente datos de certas zonas do ceo, “eses datos vértense na rede e procésanse con ordenadores para descubrir se hai fenómenos interesantes aos que mereza a pena logo apuntar un telescopio de maior tamaño”. Fonte: Noelia V. Vilanova, http://duvi.uvigo.es.