Oficina CEER
 15-04-2010
A AXENCIA ESTATAL DE RADIOCOMUNICACIÓNS CONVERTIRÍA A VIGO NO CENTRO NEURÁLXICO DAS TELECOMUNICACIÓNS EN ESPAÑA.

Claramente vinculada ás novas tecnoloxías a sociedade actual está fortemente condicionada por realidades como o teléfono móbil, a televisión ou internet. Todos estes avances dependen, sen embargo, da dispoñibilidade de canles de radio que permitan enviar e recibir información, establecer as comunicacións telefónicas ou transmitir os programas de televisión. Noutras palabras, todos estes avances dependen da xestión intelixente dun ben escaso, o espectro radioeléctrico. Para xestionalo de xeito adecuado vaise pór en marcha a Axencia Estatal de Radiocomunicacións, o organismo do que dependerá toda a súa xestión e do que a día de hoxe, a cidade de Vigo é unha das máis firmes alternativas para acadar a súa sede. Así o explicou ao Duvi o profesor da ETS de Enxeñeiros de Telecomunicación, Manuel J. Fernández Iglesias, quen non dubida en subliñar que “o pulo da investigación en I+D+i neste campo está aquí” e afirma que, se finalmente se consigue esta sede, será “un fito histórico para Galicia”.

Internet no rural, telefonía móbil... algunhas das funcións da axencia.
A Axencia Estatal de Radiocuminacións é un organismo da administración xeral do Estado que ten como función principal xestionar o dominio público radioeléctrico para que teña o maior retorno posible para a cidadanía. “Cando empregamos calquera aparello de telecomunicación, dende un teléfono móbil ata unha televisión, estamos enviando sinais por radio, e esa canle que nós empregamos ninguén máis a pode utilizar” subliña Fernández Iglesias para explicar, de xeito sinxelo, a importancia da principal función da axencia: a planificación, xestión e administración, así como a tramitación e outorgamento dos títulos habilitantes para a utilización do espectro. Decisións como o despregue da banda ancha no rural, o número de canles de televisión ás que imos ter acceso, ou se vai ser máis barata ou máis cara a telefonía móbil son exemplos claros do impacto nas persoas das decisións que terá que tomar o goberno, e que se basearán nos ditames da axencia. A axencia terá pois a chave para decidir qué servizos de telecomunicación se van dar fronte a outros, o que influirá nos seus prezos, calidade... “A decisión final tomaraa o goberno pero basearase no que diga a axencia”, explica o profesor, quen tamén explica que este organismo terá funcións executivas, poderá cobrar multas, taxas, facer inspeccións ou sancionar. “Ao final vai ter impacto no peto dos cidadáns”, explica Fernández Iglesias. “Por exemplo, as canles liberadas polo apagamento da televisión analóxica pódense utilizar para novos servizos. Se esas canles van para a televisión dixital, incrementarase a oferta televisiva, pero se van para a telefonía móbil, incluso podería baixar o prezo porque pode haber máis competencia, ou acádanse mellores servizos, o que interesa especialmente no caso galego”, engade, en referencia a que en Galicia o gran nivel de espallamento da poboación fai que a única maneira de ter cobertura universal de moitos servizos é vía radio. Aínda que os traballos da axencia serán para todo o Estado “é evidente que vai ser bastante máis sensible á situación nosa se está aquí, o que tamén beneficiará a outras zonas como Asturias, Cantabria ou o Euskadi”, engadiu.

Puntos fortes da alternativa viguesa.
Na actual política de descentralización das axencias públicas, hai consenso a nivel estatal e autonómico de que estea en Galicia, tal e como se acordou no propio Parlamento de Galicia e no Congreso de Deputados, aínda que esta decisión non sexa vinculante e, finalmente, será o Goberno quen terá a última palabra. Xa en Galicia, Vigo posiciónase como a alternativa máis sólida, “porque ten a Universidade, o Centro Tecnolóxico das Telecomunicacións de Galicia, a Escola Naval Militar de Marín, está moi ben comunicada, sobre todo con Madrid e Lisboa, estamos nun dos principais portos do mundo, en breve inaugurase a Cidade Tecnolóxica... e organismos como a Axencia Espacial Europea ou a Unesco avalaron xa o importante papel de Vigo no eido das telecomunicacións”, explica Fernández Iglesias. A ETSE de Telecomunicación será unha fonte de profesionais e tamén unha fonte de innovación en materia de telecomunicación. “Na escola hai grupos de comunicación do máis avanzado a nivel internacional en temas vinculados á xestión do espectro, polo que tela preto será un enorme beneficio para a axencia, tanto en redución de custes como tempos”, engade o profesor, quen tamén sinala que a nivel empresarial o sector das telecomunicacións está espallado por toda Galicia, e que en calquera caso a demanda da empresa privada non xustificaría por sí soa a presenza desta axencia pública nun lugar concreto.

Por que está de actualidade a xestión do espectro?
Tradicionalmente o uso do espectro limitábase ás emisións de televisión e, máis recentemente, ás sinais de telefonía móbil. Ademais, empregábase tamén noutros aspectos menos coñecidos como nas comunicacións en situacións de emerxencia ou no ámbito militar. Sen embargo, cada vez hai máis aplicacións que empregan o espectro radioeléctrico para funcionar e, a isto, hai que engadir que pasamos dun contexto no que a maior parte das compañías eran públicas e daban o servizo en condicións de monopolio, a unha nova realidade na que o número de actores de compañías privadas ofrecendo servizos de telecomunicación é cada vez maior. “Ambos factores fan necesario unha boa xestión do espectro, non se pode deixar que as empresas privadas miren só polo seu beneficio, senón que como é un recurso público ten que facerse un uso eficiente e que teña un retorno social”, engade Fernández Iglesias. Asociado a todo isto, explica o profesor do Departamento de Enxeñaría Telemática, aparecen novas maneiras de xestionar ese espectro. Tradicionalmente a maneira de xestionalo era que o Estado adxudicaba esas canles do espectro para a súa utilización por determinadas empresas, o exemplo típico é a televisión privada e, máis tarde, a telefonía móbil. O Estado estudou unhas propostas e concedeu a determinadas empresas a posibilidade de empregar o espectro para dar o seu servizo de telecomunicación. Agora aparecen novas maneiras de xestionar o espectro, por exemplo, as poxas, xa que a actual lexislación contempla que se poida poxar o espectro ao mellor postor, ou os chamados mercados secundarios, é dicir, que alguén que ten adxudicado o espectro poida á súa vez negociar con el –revendelo, prestalo ou cedelo a outras empresas privadas-.

Fonte: http://duvi.uvigo.es