Oficina CEER
 16-04-2010
UNHAS XORNADAS PERCORREN A HISTORIA DE GALICIA CON RELATORIOS, MÚSICA E CONTACONTOS.

A actividade conta coa colaboración da Vicerreitoría do campus de Ourense.

Un percorrido pola historia de Galicia afondando en diferentes temáticas como a emigración, a cultura galega e as fontes medievais así como unha variada proposta de actividades musicais e teatrais. Así se presenta o programa das III Jornadas de História da Galiza, unha actividade organizada pola Esmorga, a Associaçom Galega da Língua e o Instituto Galego de Estudos Célticos e na que colaboran tamén a Vicerreitoría do campus e o Concello de Ourense. A actividade comeza o seu desenvolvemento este xoves, día 15 de abril, no Auditorio da cidade coa proxección do documental Emigrantes dirixido por Xan Leira e prolongarase ata o mes de maio. O doutor en Historia Anselmo López Carreira pronunciará o seguinte relatorio das xornadas, o 16 de abril ás 18.30 horas no Auditorio. Falará sobre Historiografía e fontes medievais. O 17 de abril, sábado, a sesión desenvolverase pola mañá e contará coa intervención de Artur Alonso Novelhe que falará sobre A Galicia no século XXI, un relatorio no que fará unha análise da globalización económica que, na súa opinión, “terá que completarse coa globalización cultural, política e lingüística” e no que dará unhas pinceladas sobre o futuro máis inmediato “para o que camiñamos e que está xa a dar os seus primeiros pasos a pesares da crise que estamos a vivir, axudado pola revolución tecnolóxica”, segundo explica o relator.

Internacionalismo e cultura galega.
Outra das temáticas a tratar nestas xornadas é a que trata as relacións que se establecen entre o internacionalismo e a cultura galega no último milenio. O relatorio terá lugar nesa mesma xornada, o 17 de abril, e correrá a cargo do filólogo Xulio Pardo de Neyra. O día 22 de abril Camilo Nogueira pronunciará un relatorio sobre O tempo político dos trobadores no que amosará a posición que ocupou a lingua galega na poesía romance durante os séculos XII a XIV. Na seguinte sesión, prevista para o día 23 de abril, intervirá o físico e matemático Manuel Díaz Regueiro para falar sobre O labirinto atlántico. O 24 de abril proxectarase o documental Monte do Seixo. A montaña máxica, dirixido polo docente e investigador Carlos Solla. Nesta mesma xornada o teólogo e escritor Victorino Pérez pronunciará un relatorio sobre A figura de Prisciliano na cultura galega.

Actividades paralelas.
O programa das xornadas inclúe a celebración doutras actividades paralelas de carácter máis lúdico e cultural que se desenvolverán no local social de A Esmorga. Entre elas que cabe subliñar o concerto do grupo ourensán Terra Morena o día 24 de abril que interpretará temas de Zeca Afonso así como doutros cantautores; un recital de poesía e de música o día 30 de abril a cargo do Clube dos Poetas Vivos; a actuación dos contacontos Jorge Serafim e Paula Carballeira, os días 6 e 7 de maio, respectivamente e o concerto de Ugia Pedreira e Fred Martins o día 8 de maio.

Fonte: Raquel Feijóo, http://duvi.uvigo.es