Oficina CEER
 28-04-2010
A UNIVERSIDADE DE VIGO ACADA O BRONCE NOS CAMPIONATOS DE ESPAÑA UNIVERSITARIOS DE TENIS E BÁDMINTON

Foron celebrados en Valladolid coa participación de máis de 700 deportistas.

Victoria Cadilla e Juan Pablo Méndez tamén se clasificaron nas modalidades de tenis de mesa e esgrima respectivamente.

O tenista da Universidade de Vigo, Rodrigo Figueroa, e a parella formada por Pablo Carollo e Pablo Méndez en bádminton, fixéronse coas medallas de bronce nos Campionatos de España Universitarios 2010 celebrados en Valladolid, nos que se deron cita un total de 756 deportistas procedentes de 58 universidades. O resultado acadado nos campionatos reflicte unha “actuación bastante boa” dos deportistas universitarios vigueses, segundo manifestou o responsable da sección federada de tenis da Universidade, Joaquín Comesaña, que acompañou aos competidores da institución durante o desenvolvemento dos torneos. O responsable da sección federada de tenis valorou moi positivamente as actuacións dos xogadores vigueses, especialmente de Rodrigo Figueroa, que “tiña nivel para gañar pero é o primeiro ano que participa nun campionato nacional, polo que a falta de experiencia non nos permitiu chegar ao primeiro posto” comentou. Así mesmo, Comesaña salientou as dificultades que supón o Campionato de Tenis Universitario para os xogadores, caracterizado pola “elevada presión” que se vive durante o torneo, “no que os deportistas xogan cinco partidos en tan só tres días, o que provoca que teñan moito cansazo acumulado”.

Medallas de bronce grazas ao esforzo.
No seu debut, Figueroa chegou ás semifinais da categoría individual masculina de tenis despois de derrotar aos participantes da Universidade de Zaragoza e a Universidade Miguel Hernández. Finalmente e a pesar dos seus esforzos, o cansazo acumulado durante a competición fixo que o tenista vigués xogara un “partido frouxo”, segundo definiu o responsable da sección federada de tenis, polo que caeu ante Eduardo Matesanz, da Universidade de Barcelona, que logrou a medalla de prata. Mentres, na modalidade de dobres mixto en tenis o dúo composto por Marta Saborido e Víctor García conseguiu pasar a cuartos de final tras vencer aos xogadores da Universidade de Girona. Sen embargo, non lograron clasificarse ao caer derrotados con escasa vantaxe pola parella da Universidade de Barcelona. Por outra banda, Pablo Carollo e Pablo Méndez venceron ás parellas da Universidade de Valencia e a Politécnica Cataluña no torneo de bádminton, co que conseguiron chegar ata a semifinal da categoría de dobres dasculina. No último tramo da competición, Carollo e Méndez non foron quen de superar aos medallistas de ouro, David Domínguez e Rafael Fernández, representantes da Universidade de Sevilla.

Boas clasificacións nas modalidades de esgrima e tenis de mesa.
Ademais de participar nas modalidades de tenis e bádminton, os deportistas da Universidade de Vigo tamén representaron á institución nos torneos de tenis de mesa e esgrima. Victoria Cadilla rematou en cuartos da categoría feminina de tenis de mesa tras derrotar á xogadora da Universidade de Valladolid, aínda que finalmente perdeu contra a rival da Católica de Valencia. Pola súa banda o xogador de esgrima da Universidade, Juan Pablo Méndez, que competía na modalidade de sable, acadou a posición 14 entre os 25 participantes da categoría.

Fonte: http://duvi.uvigo.es