Oficina CEER
 03-05-2010
INVESTIGADORES DA ETSE DE MINAS DESEÑAN UN MÉTODO PARA DIAGNOSTICAR O ESTADO DE “SAÚDE” DAS PONTES HISTÓRICAS

En total analizaron 95 construcións de toda Galicia.

Crearon unha web con toda a información recollida: planos, fotografías, mapas...

As pontes históricas, ademais de formar parte do noso patrimonio histórico-artístico, presentan unha crecente relevancia na nosa sociedade, sobre todo, se temos en conta que en Galicia chegáronse a contabilizar ata 500. Este potencial non pasou desapercibido para os investigadores do Laboratorio de Fotogrametría e Teledetección Cercanas, da ETS de Enxeñaría de Minas, que se puxeron mans a obra e están a piques de finalizar un proxecto que establece unha metodoloxía de diagnóstico dirixida a facilitar calquera actuación encamiñada á conservación e rehabilitación destas complexas construcións. Dirixidos polo director da escola, Pedro Arias, a metodoloxía desenvolvida servirá de base para o establecemento de catálogos xerais de referencia das pontes históricas singulares, ao tempo que será a referencia inicial a manexar polos axentes implicados na súa xestión, de maneira que será consulta obrigada antes de calquera intervención para a súa conservación ou rehabilitación. Para facilitalo toda a información está, de xeito paulatino, a recollerse na web do proxecto. Desenvolta a partir de técnicas xeométricas non destrutivas e de mínimo contacto coa construción –fotogrametría, láser e radar terrestres-, o novo método permite facer unha caracterización xeométrica e mecánica destas construcións.

Invasión de vexetación, gretas, desprendementos... principais patoloxías.
A primeira fase do traballo, que se iniciou a comezos do 2007, consistiu nunha fase de inventario. Partiron do traballo previo que xa realizara o profesor da Universidade da Coruña, Manuel Durán, “unha persoa cunha amplísima experiencia neste campo, tanto en fases de inventario e inspección como de reparación e intervención en pontes”, sinala a profesora Julia Armesto, unha das autoras do proxecto. O grupo vigués, en base aos inventarios que Durán ten publicados, fixo un inventario en paralelo, é dicir, unha selección das pontes que el xa tiña rexistradas, “xa que en Galicia hai moitísimas pontes e era imposible abarcalas todas”. Ao final quedáronse con 95 en función da tipoloxía máis abundante e seguindo criterios construtivos, de materiais... Ao longo do inventario analizaron diferentes parámetros, tanto revisión documental e análise de compoñentes (períodos históricos de construción, intervencións e restauracións...) como medición xeométrica e análise de patoloxías –tanto as superficiais da pedra como a invasión de vexetación tipo musgos, liquens, bacterias...-, así como fallos estruturais: gretas, desprendementos de materia... Coa información recollida xeráronse diferentes tipos de planos en función de cada un dos parámetros analizados. O inventario introduciuse nunha base de datos conectada cun sistema de información xeográfica. “É un sistema que permitirá que calquera persoa interesada poida acceder de forma sinxela a información, incluíndo tanto diferentes tipos de planos como tamén fotografías ilustrativas”, subliñou a investigadora Belén Riveiro, que está a facer a súa tese de doutoramento ao abeiro do proxecto.

Equipos topográficos de última xeración ao servizo do patrimonio histórico.
Unha vez rematada esta primeira etapa do proxecto, levouse a cabo unha análise máis precisa dirixida a estudar en detalle a xeometría de cada unha das pontes. Para isto empregaron técnicas fotogramétricas de medición a partir de imaxe e as tecnoloxías máis avanzadas de láser 3D. A información extraída destas tecnoloxías permite crear modelos de liñas, de superficie e modelos realísticos nos que se pode observar a ponte coa súa textura e cor real. “A finalidade é xerar tanto modelos 3D, cos que cunha simple ollada ves toda a información dos elementos coa súa posición no espazo, coma os clásicos planos en dúas dimensións”, engade a investigadora. Toda a documentación xerada polo grupo foi utilizada, na última parte do proxecto, para adaptar os métodos de cálculo tradicionais a estas novas tecnoloxías. “Os sistemas tradicionais parten de modelos ideais, non da xeometría real dunha ponte. Nós o que fixemos foi adaptalos para poder aproveitar a precisión e a enorme cantidade de información que achegan as novas tecnoloxías”, insistiu Armesto.

Estados de conservación moi diversos.
En total participaron no proxecto11 investigadores, un traballo conxunto no que os docentes vigueses contaron coa colaboración de tres investigadores da Universidade Politécnica de Barcelona. No camiño destes tres anos de traballo quedan moitas anécdotas, sobre todo as vividas durante as habituais e numerosas saídas de campo, pero tamén a sensación de que os estados de conservación son moi diversos. Hai pontes moi ben conservadas, sobre todo as que están en servizo, se ben hai numerosas excepcións. “En xeral”, indica Armesto “canto máis lonxe dos núcleos de poboación, peores estados de conservación, sobre todo, por abandono, pero sempre hai excepcións”. “Hai moitas pontes en procesos avanzados de abandono. Ata hai casos de carballos que nacían na propia estrutura da ponte”, continuou Ribeiro. Para continuar con este labor o ministerio concedeulles un segundo proxecto, que se prolongará ata 2012, cun orzamento de 80.000 euros e no que van colaborar con docentes da USC, UdC e Universidade de Navarra. “O obxectivo é meter toda esta información que nós xeramos en valores que nos permitan desenvolver un sistema integral de xestión”, subliña Armesto, en referencia a que sería unha ferramenta utilizable tanto pola administración como por calquera entidade xestora que teña que tomar decisións en base aos estados de deterioro, criterios económicos... “Poderá identificar de xeito rápido cales son os problemas desa ponte, por onde debe ir esa intervención, cales son as máis urxentes...”, insiste a investigadora.

Fonte: http://duvi.uvigo.es