A Universidade de Vigo semella querer tirarlle o máximo partido á Internet que move á concorrencia activa das usuarias e usuarios, a Internet 2.0. Nesta liña, e na de responder a unha demanda interna da propia comunidade universitaria, é xusto onde se insire a rede social que a institución educativa galega presentou esta semana perante estudantes, profesores e investigadores, consolidándose como a primeira univesidade do ámbito español que pon en marcha en aberto unha proposta en liña destas características (en certa maneira semellante á da Universidade de Sevilla, pero coa diferenza é que esta é máis restrinxida).
Segundo explicou a entidade docente galega, a nova plataforma vai permitir establecer unha estrutura de relacións dentro da comunidade pero tamén fóra, cos estudantes que están por vir, cos seus pais e con toda a sociedade en xeral.
Xa nos seus primeiros días de actividade (fase de probas), a rede social acadou a cifra de 160 membros, contando xa con varios grupos creados (incluído un grupo dedicado á música máis independente e outro ás prácticas de meditación).
Detrás deste proxecto, informa a Universidade, está o profesor Carlos López Ardao, responsable do Laboratorio de Redes do Departamento de Enxeñaría Telemática e un dos creadores da spin-off SocialWire Labs. Segundo fixo sabrer na presentación durante a presentación deste tecido social na Internet, a proposta púxose en marcha co epígrafe Conecta, colabora, comparte, co que se quere dar a entender o espírito de intercambio de coñecemento que promove, abríndose a toda a sociedade e facendo visible o miolo da propia institución educativa.